O pasado venres 3 tivo lugar en Lalín (Pontevedra) a segunda edición da mostra de arte multidisciplinar
EmporcARTE, onde
Laverca estivo representada por varios dos nosos membros. A mostra contou con diversidade de obras que xiraban entorno ao porco e ao cocido, parte moi importante da gastronomía e cultura lalinense.
Por unha banda presentouse en sociedade
CociCHÍN! da empresa CHÍN, unha proposta de cocido instantáneo traída do ano 4137. Nese futuro o porco despareceu e a empresa en cuestión descubriu un
documento videográfico no que se amosa a preparación do cocido tradicional galego. Con este punto de partida a empresa CHÍN desenvolveu unha receta con ingredientes semellantes aos daquela época, e incluso conseguíu acadar as esencias dos mesmos. Tamén se podía ver no seu stand unha escultura en resina dunha recreación do prato galego. Esta obra interactiva e que abrangue diferentes disciplinas, foi creada e executada por
Gemma Pérez, Virginia Díaz, Cristina Cotelo e María Álvarez.
Tamén estivo o noso compañeiro
Pablo Vence que participou na mostra cunha escultura de arame de aluminio dun porco titulada
Recordos da infancia. A obra fai referencia ao recordo dos seus días de neno na aldea e da tradición da matanza.